20/06/22

DE MARZO A XUÑO EN EDUCACIÓN INFANTIL

 Ola familias!!
Estamos aquí de novo para vos contar un pouquiño algunhas das actividades que estivemos a facer durante estes meses no noso cole. 

6º EDUCACIÓN INFANTIL:
Os nenos e nenas de 5 anos traballamos moito nestes meses e aprendemos cousas moi, moi interesantes. Fixemos activiades no noso libriño da Primavera, construímos un pao da chuvia e tamén recordamos a importancia da loita pola paz no mundo e o NON Á GUERRA. 


    

Tamén fixemos unha pequena plantación na nosa aula de plantas e flores que coidamos con moito cariño!





Ademais, continuamos disfrutando das nosas merendas saudables coa froita variada e de tempada que nos trouxeron ao colexio. Como nos gusta a froita!!!





Tamén fixemos unha excursión polo Museo do Mar que temos no colexio e despois debuxamos diferentes animais do fondo mariño. 



E chegou a preparación do Maio do noso cole e, como non, nós tamén participamos xunto co resto dos compañeiros/as e mestres/as!! Foi ben divertido!!

 



   Tamén bailamos "O xogo da Carrasquiña" para celebrar o día das Letras Galegas. 


E disfrutamos moito no obradoiro "Ti si que es un bo peixe" onde aprendimos a través de xogos moitas cousas interesantes sobre os peixes e moluscos mariños. Ademais agasalláronnos cunha merenda moi mariñeira da que dimos boa conta!!!

                          



E non podemos esquecer a celebración dos aniversarios dos nosos compañeiros/as: Daniel e Ellyn. Parabéns!!!!






E, para rematar, deixámosvos con estas imaxes do noso grupo que, dentro duns días, rematamos o ciclo de Educación Infantil. Para o ano que vén iremos xa para Primaria!!!!



  

5º EDUCACIÓN INFANTIL:
Nestas semanas, na aula de 4 anos estivemos a facer moitas cousiñas que vos pasamos a contar.
Hai uns meses a mestra leunos o conto “La joya interior”, de Anna Llenas, e comezamos a indagar sobre a nosa personalidade, gustos… así decidimos facer unha exposición sobre o que máis nos gusta de nós mesmos, cunha foto e unha breve explicación. 



Coa chegada da primavera investigamos sobre os cambios que se producen, aprendemos vocabulario novo, debuxamos… e ata plantamos nunhas macetas! Pronto veredes o resultado…








Como sabedes, no mes de maio fixemos o maio do cole, e quixemos axudar quitando os talos das flores, para despois poder facer os colares de margaridas. Tamén descubrimos ao galardoado no Día das Letras Galegas, e realizamos unha pequena actividade.



A pasada semana realizamos un obradoiro no cole da man do programa “Ti si que es un bo peixe!”, no que aprendemos algúns nomes de peixes, onde viven, os oficios de mariscadoras, pescadores… e mesmo vimos un vídeo contándonos o proceso de compra do peixe dende que o pescan ata que chega as peixerías nunhas gafas 3D! 



Deixámosvos tamén unhas fotiños dos cumples destes meses.


Aínda nos quedan uns días para despedir o curso, que aproveitaremos para seguir aprendendo e, sobre todo, desfrutar moito!!! Apertas!!

4º EDUCACIÓN INFANTIL:
Durante estes meses estivemos realizando moitas actividades e iniciámonos nalgunhas moi interesantes: coñecemos as primeiras vogais, repasámolas con rotuladores borrables, recoñecemos os nosos nomes nas tarxetas e así vemos que vogais temos cada un/unha de nos. Unha maneira divertida de iniciarnos na lectoescritura! E seguimos traballando coas pinzas o movemento dos dedos e tamén as cores.
Tamén empezamos a usar os punzóns para picar as bolboretas coas que decoramos o noso corredor, xa que chegou a primavera! E aproveitamos para colorear debuxos de bechiños como caracois, vermes, xoaniñas, arañas e bolboretas. Quedounos unha decoración moi bonita e alegre!


Ademais, participamos na preparación da campaña publicitaria do Programa "LECTURA E FAMILIAS", no que colabora todo o colexio. Os nenos/as de Educación Infantil preparamos un escenario cun televisor e, acompañados dunha das nosas mascotas do cole, Chiña, quixémosvos facer chegar ás familias a importancia da lectura, da narración e dos libros e contos na nosa educación e aprendizaxe. E todavía nos quedaba por coñecer un lugar moi importante do noso colexio: a nosa biblioteca! Así que estreamos a visita contando o conto "A galiña roxa" e, por suposto, aproveitamos para sacar unha foto con Checho. Fíxonos moitísima ilusión coñecelo en persoa!!
E amosarvos tamén que o xogo simbólico segue formando parte do noso día a día!!




E como nos gusta experimentar con materiais diferentes, puxemos en marcha as nosas dotes artísticas coas acuarelas. E como disfrutamos!! Mollar o pincel en auga, escoller a cor que preferimos e deixar voar a imaxinación! Somos moi, moi artistas!!
Tamén pintamos con témperas uns soles moi brillantes e participamos no contacontos que realizou unha mamá dunha compañeira de 5º de Educación Infantil na biblioteca. Gustounos moito a súa visita e ademais deixounos unhas máscaras de agasallo para podelas decorar.  



E continuamos cunha das nosas actividades favoritas: OS CONTOS!! E que disfrutamos tanto con eles, escoitándoos, léndoos, interpretándoos,... E calquera lugar da nosa aula é perfecto para poder compartir lectura en compañía. 




Fixemos tamén unha actividade de decoración das nosas fotos con flores de diferentes tipos, para celebrar que a primavera xa chegou!! E participamos na celebración da Pascua decorando entre todos/as un debuxo dunha galiña na que despois colocariamos os ovos de Pascua que decoramos na casa coa familia. Quedou moi bonita!!
E continuamos coa pintura de acuarelas, os préstamos de libros semanais para poder disfrutar da lectura coa familia na fin de semana e tamén traballamos as cantidades e as grafías dos números, utilizando pinzas e ruletas de imaxes. 




E con antelación suficiente, comezamos os preparativos para a festividade dos Maios. Nós tamén colaboramos nas tarefas de preparación, sacándolle os talos ás margaridas e ensartándoas despois para facer os colares que decorarían o noso Maio. Unha actividade en grupo na que todos os nenos/as e os mestres/as participamos!!




E a profe Antía ofreceunos quedar cuns vermiños de seda, así que os acollemos na nosa aula e dedicámoslles moito tempo o seu coidado: limpar os excrementos, poñerlles follas novas de moreira,... Ademais, aprendemos unha chea de cousas sobre eles e conseguimos ver como varios fixeron as súas casulas para se converter en bolboretas!! Podiamos pasar horas mirando para eles, movéndose, comendo,... cantas aprendizaxes nos proporciona a natureza se nos paramos a observar!!
E como a primavera e tempo de plantar, decidimos poñer unhas sementes de diferentes flores en maceteiros e ir vendo que sucedía...



A verdade é que o bo tempo acompañóunos case a diario, así que houbo días nos que sacamos as nosas mesas e cadeiras para o patio e así puidemos seguir facendo cousiñas nunha contorna diferente. Aprender en distintos sitios é algo divertido!!
E como nos gustan os retos, decidimos poñer en práctica a nosa habilidade para recortar con tesoiras! Non é unha habilidade sinxela e require de moita concentración e dominio dos dedos, pero o resultado foi moi bo!! Agora só queda seguir practicando un pouquiño cada día!
E para decorar a nosa aula coas cores da primavera fixemos murais con témpera sólida en pequenos grupos. Cada un/unha de nos pintou libremente o que máis lle gustaba e unha vez rematados pegámolos nas paredes da clase!!



Aquí podedes ver como estivemos coidando das nosas plantas, regándoas e poñéndoas ao sol. E tamén puidemos ver como unha bolboreta saiu da súa casula. Pareceunos algo máxico pensar que aquel verme se convertira nunha bolboreta!! Ademais observamos e tocamos a casula na que o vermiño fixo a súa transformación!



Esperamos que vos gustara esta pequena selección dalgunhas das experiencias e actividades nas que participamos! Un saúdo a todas as familias!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario