12/12/17

Quen é o Apalpador?

O vello Apalpador, tamén chamado Apalpabarrigas, ou Pandegueiro, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos ás nenas e nenos a noite de ano vello (ou a de nadal). 
Mural realizado polos maiores do colexio

Baixa das devesas do Courel, entra pola noite nos cuartos das nenas e nenos e moi silenciosamente lles apalpa as súas barriguiñas por ver se están mantidos. Se están cheas dilles: «Así, así esteas todo o ano» e déixalles unha presa de castañas. Senón cala, pero tamén lles deixa as castañas.


Para tranquilizar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles esta canción:

Vaite logo, meu meniño (miña meniña)

marcha agora para a camiña

que vai vir o Apalpador

a apalparche a barriguiña.

Xa chegou o día grande

día do noso Señor.

Xa chegou o día grande

e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo.



Velaquí tedes a versión de Malvela para Fol Música desta fermosa canción de  "O Apalpador",  con ilustracións do conto "O Apalpador" de Xoán G.


Se queredes seguir divertíndovos co Apalpador, escoita esta canción de "O APALPADOR" incluída no libro-cd-dvd "BRINCA VAI!", publicado por Kalandraka, composto e interpretado por Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor e vídeos de Sr. Sagüillo.

En menos de nada estamos no Nadal!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario