14/10/14

Xa estamos de volta.

Xa estamos de volta con ánimos e ideas renovados e dispostos a acompañar ao noso alumnado na busca de novas metas e aventuras. Iniciamos esta nova singladura amosando o traballo que os nenos e nenas foron quen de realizar e que presentaron ao remate do pasado curso. Os cativos de Educación Infantil fixeron unha exhaustiva investigación sobre os animais mariños que se atopan na nosa Ría de Pontevedra. Logo de descubrir as diferentes especies e as súas características, deleitáronnos cunha curtametraxe na que Checho, a nosa mascota, vive unha emocionante aventura na praia de Lourizán.

No 1º ciclo, os rapaces e rapazas engalanaron os corredores do centro con fermosos murais nos que detallaban as técnicas de pesca e marisqueo.

Sorprendéronnos cunha exposición repleta de cantigas e poemas (Poemar). Queres velo?

O 2º ciclo  levou a cabo unha intensiva investigación sobre a comercialización e conservación do peixe, descubrindo interesantes técnicas como o salgado, afumado, etc.
 
Por último, o 3º ciclo realizou interesantes traballos sobre "O mar como fonte de recursos e lecer". Amosáronnos unhas presentacións en Prezi e Power point moi detalladas sobre a enerxía mariña e os diferentes recursos que obtemos do mar. Tamén grabaron unha atractiva entrevista televisiva na que os entrevistados eran personaxes que realizaban algunha actividade relacionada co mar. Toda unha experiencia meterse na pel doutra persoa!

Dende aquí só nos queda felicitar a toda a comunidade educativa por este gran traballo e animalos a continuar por este camiño.



Ningún comentario:

Publicar un comentario