03/05/16

Maio, Mes da Lingua

Como todos sabedes, o 17 de maio é o día das nosas letras, o Día das Letras Galegas, este ano adicado a Manuel María.
Pero as celebracións non se limitan soamente a ese día senón que durante todo o mes, podedes disfrutar dunha chea de actividades programadas por diferentes colectivos, asociacións e entidades que colaboran co Concello de Pontevedra no "Maio, Mes da Lingua": teatro, obradoiros para familias, concertos, recitais, conferencias, sesións lectoras, cinema, xadrez...


A fala.


O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

 

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

 

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

 

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

 

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.


O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
 
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
 
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
Manuel María

Ningún comentario:

Publicar un comentario