11/05/18

"Os Titos" achégannos a María Victoria Moreno

"Os Titos", afectuosamente así chamados por María Victoria Moreno, son Tito Seijas e Nenuca Gallego, dous marabillosos libreiros pontevedreses, grandes amigos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.
Este venres 11 de maio, invitámolos ao noso colexio para que nos falaran de María Victoria Moreno e aceptaron encantados. 

Comezamos a sesión cunha presentación sobre a vida e obra da autora por parte do alumnado, froito dun arduo traballo de investagación nas aulas ABALAR e EDIXGAL.
A continuación, os rapaces e rapazas tiñamos preparadas unha serie de preguntas. Non só foron acougando as nosas inquedanzas, senón que tamén nos contaron unha morea de anécdotas que demostran a admiración que senten por ela como persoa e como profesional.
Tito e Nenuca, achegáronnos unha María Victoria Moreno non só escritora, editora, libreira..., senón, que as súas verbas mostráronnola como unha persoa amante da súa profesión como docente, que aborrecía o verán por non poder estar co seu alumnado, xenerosa, amiga dos seus amigos, amante dos animais e, como non, unha apaixonada lectora.
Quixemos sorprendelos cun pequeno agasallo, pero en realidade, asombráronnos eles cun coloquio moi ameno, entretido e cheo de palabras de agarimo pola autora.
Por certo, deixáronnos un galano do que todos poderemos gozar na biblioteca: uns libros fabulosos!
Moitas grazas, Tito e Nenuca, sodes uns excelentes transmisores do legado persoal de María Victoria Moreno Márquez e uns fantásticos conversadores. Foi un auténtico pracer contar convosco!
Lembrade, "As persoas estamos feitas para levar a cabo os proxectos máis fermosos" ("Anagnórise" - María Victoria Moreno).

Ningún comentario:

Publicar un comentario