13/06/25

O primeiro podcast de 3º!!!

O alumnado de 3º de Primaria fixo un traballo de investigación sobre diferentes deuses da mitoloxía grega. 

E como xa saben usar a radio...comparten toda a información recollida a través dunha gravación na Radio da Biblio facendo un programa especial sobre o tema. Esperamos que vos guste o programa e vémonos na seguinte!


 

 

 

09/06/25

Acabamos o PDI celebrando o Día Mundial do Medioambiente coa plantación de "Lúa"

O xoves 5 de xuño, demos por rematado o PDI "Os nosos ODS" coa incorporación á nosa comunidade educativa dun novo membro: "Lúa", unha moreira péndula que nos acompañará, se a coidamos, durante moitos anos.

Nos días anteriores preparamos a canción Eco de Paco Nogueiras, o manifesto para a súa lectura e algunha pancarta. 

Todo isto non tería sido posible sen a colaboración das familias, coa ANPA facéndose cargo do custo de "Lúa", así como de ir a buscala ou de preparar o terreo. Coma sempre, MOITÍSIMAS GRAZAS!!! 

Para o manifesto, investigamos unha historia sorprendente protagonizada por unha muller, Julia Butterfly Hill, activista medioambiental dende moi nova. Aquí tedes o manifesto:

 E o resumo da xornada de celebración:

 




 

20/05/25

Lectura e familias: Obradoiro de ilustración de contos

Despois do gran espectáculo que nos ofreceu o día 8 , o próximo martes 27 de maio, volveremos contar con Esteban, de Tarabelos, para realizar un obradoiro de ilustración de contos. 

Aínda que este obradoiro está pensado para nenos e nenas de Educación Primaria, neste caso, como ides vir os maiores acompañando aos nenos e nenas, poderán vir todos,  dende 4º de EI ata 6º de EP, acompañados por un adulto.

Tras escoitar o contacontos todos e todas recibiremos un libriño con espazos en branco para poder ilustralo con distintas técnicas: debuxo, collage, pegatinas,..., conseguindo así, un libro único no mundo




 

18/05/25

Letras galegas: Recompilación de cantos populares

Moitas grazas a todas as familias que colaboraron para ter unha recompilación de cantigas populares!!!

Como vos anunciamos, imos deixar aquí un pequeno resumo delas. Non están todas xa que logo facíasenos moi longo o vídeo, pero hai unha boa representación. Ademais temos moitas en versión escrita expostas na entrada do cole. 





Coma sempre, familias, sen vós tería sido imposible facer este traballo. Grazas, de novo!!! 



17/05/25

Semana das letras galegas: Que son unhas Cantareiras?

Que mellor maneira de comezar a celebrar a Semana das Letras Galegas que coa visita ao cole dun grupo de cantareiras?

Estiveron no noso cole María, Helena, Rosa, Rosiña, Arancha e Manuel. E unha incorporación de última hora, Olaya, a mamá de Xabi.

Antes da súa visita tivemos que prepararnos, xa que non so iamos ser oíntes, tamén iamos ser cantareiros e cantareiras, polo que nos días anteriores estivemos aprendendo unha das cancións que logo cantariamos con elas.

Na visita, explicáronnos como se toca a pandeireta, os distintos tipos de toques, amosáronnos outros instrumentos tradicionais galegos, como se arranca,... Probamos instrumentos... e cantamos

Deixámosvos un pequerrecho resumo da actividade e dámoslles as grazas a todo o grupo que nos axudou a coñecer mellor esta forma de folclore tradicional galego.


 

 

10/05/25

Lectura e familias: Debulendo Lendas


Esteban fíxonos pasar unha tarde marabillosa na que "debulemos" lendas de Galicia. Incluso acabamos cazando gamusinos!!! 

Deixámosvos un pequeno vídeo con algúns dos momentos desta tarde e esperámosvos de novo o martes 27 de maio no Obradoiro de Ilustración



03/05/25

Maios

A pesares das dificultades que trouxo o apagón do luns 28 de abril, fomos quen de facer os maios. 

Este curso, en lugar de facer un so maio, decidimos que cada grupo fixera o seu. Como poderedes ver están cheos de creatividade. 

Ademais, cada grupo tamén preparou a súa copla para cantala todos xuntos.


 E aquí tedes as coplas que elaboraron con moito enxeño e retranca:

 

Unha, dous e tres,

vou a comezar.

Aquí vén o maio,

imos cantar. 


Flores de maio

imos coller,

laranxas e follas,

ovos ao revés. 


Xogar no recreo

mola mogollón.

Se fora máis longo

sería mellor.

 

Quero ver a tele

e xogar coa Wii

e menos exames

e moitas excursións.

 

Tivemos tantas probas

en tan poucos días...

Queremos un descanso

de cento catro días.

 

Flores, fiuncho,

cores e demais.

Quitádenos deberes,

non podemos máis

 

Que rollo os deberes,

quero xogar fóra.

exames que dan sono

eu paso da escola

 

 

Lectura e familias: Debulendo lendas... galegas con Tarabelos

 

Xa estamos en maio e comezamos coas actividades das Letras Galegas. 

O próximo xoves, 8 de maio, ás 17:30, contaremos cun espectáculo no que os espectadores son tamén participantes, de Tarabelos Títeres e Contacontos

O espectáculo titulado "Debulendo Lendas"  durará uns 55 minutos e nel mesturaranse a ilustración, o kamishibai (teatro en papel) a pandeireta e o talento de Esteban Acuña, guíonista e ilustrador do mesmo, coas nosas lendas. Como nos explica Esteban, cando debuxamos o que lemos estamos "debulendo" e se ademais descubrimos xuntos o valor das lendas galegas...

Animádemos a vir xuntos, familias!!!

Esperámosmos o día 8 de maio ás 17:30 h


 

26/04/25

Semana do libro: Que libro queres ler pero aínda non está escrito?

Na Semana do libro, entre outras actividades, propuxémoslle ao alumnado que idearan a portada dun libro que lles apetecería ler, pero que aínda non estivese escrito. 

A priori parecíanos que a proposta igual non ía ser moi produtiva, pero como sempre o noso alumnado sorprendeunos, tanto pola orixinalidade como por todo o traballo que puidemos facer a partires dela: de que ía tratar o libro, cal era a historia, por que ese libro e non outro,...

Acabamos pendurando todas as propostas no corredor da entrada, formando un "ceo de libros" que, quen sabe... pode que algún día sexan escritos 




 

19/04/25

Letras galegas: "As cantigas dos nosos maiores"

 

Ola, familias!!!

Como sabedes, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral. Quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre. 

Cantos de vós tedes cantado ou recitado nas festas familiares esas cantigas que aprendemos das avoas e os avós, das bisavoas, dos nosos maiores...? Seguro que moitos!!!

É un patrimonio que non podemos perder!!!

No CEIP A Carballeira queremos recuperalas. Queremos escoitar estas cantigas e poemas, a ser posible, nas voces daquelas e de aqueles que nolas ensinaron. Por iso...

Necesitámosvos para facer a recollida. Animade aos maiores da familia a compartir con nós todo ese coñecemento
 







12/04/25

Entrevistamos a Carlos Gandón, guitarrista e voces de Astarot

 Lembrades que para celebrar o Día da Poesía, fixemos unha recreación da canción "Lela" de Astarot con Lucía Pérez?

Pois ben, aos membros do grupo gustoulles moito e ofrecéronse a tentar vir ao noso cole para facer unha entrevista. 

Así que esta semana visitounos un dos seus membros: Carlos Gandón, cofundador do grupo e guitarrista e voces do mesmo. 

O alumnado de 6ª fíxolle unha entrevista que publicaremos proximamente no noso Faro da Escola, agasallounos o seu  disco "Baixo a luz de Breogán" , pero ademais tivo o grandísimo detalle con nós de traer a súa guitarra e cantarnos algunhas das súas cancións.

Imaxinades por cal empezou?


 Grazas a Carlos e a todo Astarot por esta visita. Esperamos poder seguir contando con vós no futuro

22/03/25

Ano Castelao e Día da Poesía

Cada 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. Este ano, ademais, é o ano Castelao, conmemorando o 75º aniversario da súa morte. 

Castelao, foi unha figura polifacética da nosa cultura: escritor, político, pintor, caricaturista,... Se ben é certo que non destacou pola súa poesía, si ten escrito algún poema, como o que decidimos traballar no noso cole para celebrar o Día da Poesía. 

Este poema, titulado "Lela" pertence á súa obra de teatro "Os vellos non deben de namorarse" (Lance primeiro, escena) e foi musicado por Rosendo Mato Hermida. Existen varias versións cantadas: Dulce Pontes, Carlos Núñez, María do Ceo, Benedetta Ciotti... ata foi cantada por unha das concursantes dun programa similar a "La Voz" da televisión serbia. Todas elas podedes topalas en Youtube.

Nós conmemoramos este día da poesía cunha versión rockeira do grupo Astarot, neste caso acompañado pola voz da cantante galega Lucía Pérez.


 


15/03/25

Encontro con Irene Alonso do alumnado de 2º e 3º de EP

O 26 de febreiro visitounos a escritora Irene Alonso grazas á nosa participación no proxecto Faro da Escola.

Irene é a autora de libros como As cicatrices do caranguexo (2021), un conto autobiográfico que aborda o cancro con tenrura e positivismo; A caca cuca (2021) e A caca cuca viaxa a U.K. (2023); O rap do coello fedello (2024) ou Refugallo o espantallo (Edicións Xerais, 2024), con ilustracións de Ignacio Hernández, que foi o libro que nos veu presentar e que xa leran os nenos e nenas de 2º e 3º. 



 


04/03/25

O xogo da Miñoca

 Non todo foi entroido a semana pasada!! Tamén continuamos traballando no noso PDI

Seguindo coas actividades de sostibilidade, volvemos contar coa colaboración da iniciativa Ponte a Zero da Deputación de Pontevedra. Esta vez tocoulle ao alumnado de primeiro descubrir un montón de cousas sobre a reciclaxe, a sostibilidade, o coidado do medio ambiente... coa axuda de Cristina e do "Xogo da miñoca"

 



23/02/25

Día de Rosalía: Xan

En 1880 Rosalía de Castro publicou o seu último libro de poemas en galego, Follas Novas.  

Entre os poemas do libro figuraba “Xan”. As primeiras estrofas do poema din así:

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trae o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan completo,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

 

O alumnado de todos os cursos do cole, recreou estas estrofas de distinto xeito: con debuxos, con composicións de escenas,...  

Con todas as recreacións elaboramos o seguinte vídeo que ten como base musical a canción Xan de Uxia, do álbum  Rosalía Pequeniña (℗ 2013 Editorial Galaxia S.A.) 

 
E aí vai o resultado:


 

 

 

 

09/02/25

Ponte a Zero: Fabricación de xabón con aceite usado

O 7 de febreiro o alumnado de 6º participou nunha demostración de fabricación de xabón a partir de aceite de cociña usado. 

Manolo explicounos un montón de cousas antes de facer a demostración: 

Repasamos a necesidade de ter en conta as 3R no orde adecuado: Reduce, Reutiliza, Recicla.

Aprendemos que temos que procurar mercar produtos de limpeza o máis sostibles e menos contaminantes posible, ou, o que é mellor, fabricar os nosos propios produtos de limpeza con ingredientes sinxelos e presentes en todos os fogares (limón, bicarbonato, sal, vinagre,...)

E rematamos aprendendo a fabricar xabón a partires do aceite usado de cociña.

Todo acompañado do inigualable sentido do humor de Manolo, que fixo que, ademais de aprender un montón de cousas, pasaramos unha xornada moi divertida.

Se vos animades a probar, preguntádelle ao alumnado de sexto. Poden darvos a receita

 

Visita aos museos científicos de A Coruña

O día 4 de febreiro o alumnado de 4º, 5º e 6º fixo unha visita aos Museos científicos de A Coruña. 

Ademais dun marabilloso día de convivencia, puideron aprender un montón de cousas sobre o ser humano e sobre a vida nos océanos

 



01/02/25

Día da ilustración con Marc Taeger

 

En primeiro lugar, dar as grazas a todas as familias que asistiron ao obradoiro de ilustración. 
Como cambiou Carapuchiña Vermella grazas á imaxinación dos nenos e nenas do cole!!!
Apareceron dende Carapuchiñas alieníxenas ata con forma de insectos. Polos traballos feitos, estamos seguros de que temos no cole aos ilustradores/as de contos das próximas décadas. 
Deixámosvos unha pequena escolma en imaxes deste obradoiro




29/01/25

“Pekerecicla”

 O 24 de xaneiro tivemos a honra de recibir a visita do programa “Ponte a Zero”, creado co fin de educar e sensibilizar sobre a redución e a boa xestión dos residuos municipais, levado a cabo pola Deputación de Pontevedra. 

Nesta ocasión os asistentes foron os cativos e cativas do colexio, os nenos e nenas de Educación Infantil. Tiveron a sorte de participar na actividade “Pekerecicla” encamiñada a que os pequenos e pequenas coñezan a importancia de coidar o noso planeta e as consecuencias e danos que facemos coa xeración e mala xestión de residuos. 

A través de diversas mascotas, dunha maneira moi dinámica e lúdica, chegaron aos máis peques facéndolles partícipes da catástrofe ambiental que está a ocorrer actualmente, recalcando a importancia na reciclaxe adecuada dos diversos residuos e salientando a importancia das tres R: REDUCE, REUTILIZA E RECICLA!







 

26/01/25

Lectura e familias:Obradoiro de ilustración con Marc Taeger

 


Continuamos coas actividades de lectura e familias. 

Para celebrar que o 30 de xaneiro é o Día da Ilustración, organizamos a véspera (29 de xaneiro) un obradoiro cun dos ilustradores máis nomeados:

Marc Taeger

Nado en Suíza, ilustrador, pintor, deseñador e escultor, galardoado, entre outros, co Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005 polo seu traballo de ilustración en "A  verdadeira historia de Carapuchiña"  ou con dous premios LAUS que concede a ADG (Asociación de Deseñadores Gráficos de España). 

Con el exploraremos o mundo da ilustración a través dos contos e usando a nosa imaxinación porque...

Como ilustrariamos, por exemplo, o conto de Carapuchiña Vermella se fose extraterrestre ou vivira no fondo do mar? 

Invitámosvos a pescudalo coa axuda de Marc o mércores 29 de xaneiro, ás 17:30, na biblioteca do Checho.

NON ESQUEZADES TRAER AS VOSAS CERAS, 

ROTULADORES, LAPIS DE CORES,...!!!


18/12/24

Nadal Vexetal

Deixámosvos un pequeno resumo de toooooodo o traballo feito o pasado martes. Aproveitamos para pedir desculpas a todas as familias que nos fixeron un encargo que non fomos capaces de cumprir, pero se vedes o vídeo, comprobaredes que fixemos todo o posible por logralo. 

Sentímolo moito e agradecemos moitísimo a vosa comprensión e apoio.


 

03/12/24

Novembro: Mes da ciencia en galego

Como sabedes este curso estamos a traballar cos ODS e decidimos que o "Mes da ciencia en galego" tivese relación con este traballo. Amosámosvos a continuación algúns dos traballos científicos do noso alumnado. Non están todos, pero esperamos que os que están vos gusten tanto coma a nós.

Traballo do alumnado de 4º de EI

 En 5º de EI, ata nos fixeron un vídeo do traballo relacionado co ODS nº 13:



Os nenos e nenas de primeiro traballaron cos ecosistemas 


 

En 3º , no que están traballando o ODS 2, experimentaron coa conservación dos alimentos

 

En 6º traballaron no uso de enerxías limpas como a solar; e pola cara que ten algún parece que foi moi saborosa a experiencia




26/11/24

Día contra a violencia de xénero

Presentámosvos algúns dos traballos que fixemos para sumarnos ao rexeitamento da violencia de xénero. O noso desexo é que, grazas a estes traballos, algún día todos os nosos alumnos e alumnas, cada 25 de novembro, celebren o día en que se deixou de exercer violencia contra as mulleres.

Este ano traballamos a través de distintos contos. Presentámosvos algúns dos resultados destes traballos

 



17/11/24

ASEMBLEA A CEO ABERTO

 

Hai unha semana pedimos axuda ás familias para transformar a  zona verde do noso patio.
Queriamos aproveitar a caída das árbores, a causa do temporal,  para crear unha asemblea a ceo aberto. A resposta foi fabulosa.
O sábado pola mañá chegaron ao colexio familias preparadas con luvas, sachos, laias, motoserras... moitas  ganas de botar unha man e un entusiasmo que compartimos con elas e que fixo que pasaramos unha mañá de sábado de moito traballo, pero tamén de moitísima alegría e benestar.



 

 

Xa temos a nosa asemblea a ceo aberto ! 


Un espazo máis onde aprender dun xeito significativo, achegado á vida diaria e motivador,  onde estimular a creatividade,  a concentración, a  linguaxe, a capacidade de cooperación e comunicación, reducir o estrés... APRENDER A RESPECTAR E AMAR A NATUREZA  e moito mais!

Moitísimas grazas de novo familias!

 

05/11/24

Samaín na Carballeira

Deixámosvos un pequeno vídeo resumo da celebración do Samaín no cole. Tivemos unha semana intensa de traballo, pero tamén moita diversión: ODScabazas, monstros, pantasmas, meigas... contos de medo, rap, cadáver exquisito...

e, por suposto, castañas e "chouripans" elaborados coas vosas achegas e coa axuda de varias familias. A todos/as agradecémosvos o voso traballo e colaboración coas cabazas, castañas, leña,... e o voso traballo. Sen vós non tería sido posible facelo tan ben.