O pasado venres, todos os nenos e nenas do CEIP "A Carballeira", fomos vistar a fábrica CLESA, en Caldas de Reis. Alí recibíronnos os integrantes do colectivo polo "Correo do vento", Enrique e Carlos, que nos ensinaron a pé as instalacións.
Amosáronnos como os camións enchían enormes cisternas de leite. Das cinco cisternas que nos mostraron, as catro pequechas contiñan leite, mentres que a maior, sabedes con que se reenchía?, con azucre!!!
A continuación dirixímonos a unha sala acristalada e, namentres subiamos as escaleiras, puidemos ver expositores cos produtos novidade que está a fabricar CLESA e os murais cos logotipos da empresa dende a súa fundación hai 70 anos.
Unha vez na sala, a través da vidreira, puidemos contemplar toda a cadea de envasado totalmente robotizada. Impresionounos a velocidade e sincronización coa que traballaban as máquinas.
Logo, os maiores gozamos coa historia do proceso de obtención do leite (prados e calidade do produto, esforzo e dedicación dos gandeiros, recursos neste eido ...) argallada por Enrique Mauricio, entrementes, Carlos Taboada ilustraba un mural reflectindo nel o transporte do leite e a fabricación de produtos. A sesión de Enrique e Carlos acabou cunha rolda de preguntas.
Os cativos do cole, desfrutaron dunha pracenteira sesión de contacontos "A vaca Chenoa".
Ao final, todos nos animamos a debuxar a personaxe do conto, unha vaca!!!!
Máis tarde, chegou o momento de degustar unha saborosa sobremesa de produtos lácteos CLESA e, amais, agasalláronnos cun lote de diferentes iogures e o conto "Da granxa á merenda".
Todas esas creacións atópanse engalanando os nosos corredores para lembrarnos a importancia dunha alimentación saudable.
Esta visita serviunos para reforzar os contidos e actividades realizadas na escola para promocionar o consumo de lácteos e ver, de forma práctica, a utilidade da programación na robótica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario