01/04/19

Visita ao XX Salón do Libro de Pontevedra: "A Revolución"

O pasado venres 29 de marzo,  o alumnado do CEIP A Carballeira, visitou a XX Edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Nesta XX Edición, a temática xira ao redor de dous eixes, por unha banda, "A revolución" e, por outra banda, a homenaxe á cultura lusófona e ao poeta Antón García Teixeiro.

Os maiores, mozos e mozas de 5º e 6º de Primaria, participamos nun obradoiro de lectura co libro "Vermella" (I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade) de Sabela Losada Cortizas. A continuación, en grupos reflexionamos sobre o uso que do sangue se fai dende os diferentes medios de comunicación.
Namentres, os rapaces e rapazas de 3º e 4º de Primaria, participamos nun obradoiro de debuxo da man dunha ilustradora portuguesa. 
Realizamos un traballo recompilado en forma de acordeón sobre o tema da emigración. Os protagonistas eran animais en escenarios diferentes (desertos, praias, florestas...). 
Así, empregando só tres cores (negro, vermello e tinta chinesa), elaboramos unha serie de ilustracións que logo unificamos.
Ao mesmo tempo, os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria, gozamos dunha serie de contacontos (libro de imaxes, narración musicalizada baseada no que se ía extraendo de dúas caixas, "Veo, veo, un caracol" e un libro despleglable) relatados en portugués por unha narradora brasileira.
Os nenos e nenas de 5º e 6º de Infantil participaron nunha sesión de contacontos a cargo da escritora e ilustradora portuguesa, Margarida Botelho. Máis tarde, caracterizáronse nunha das salas con unha morea de disfraces.
O obradoiro dos máis pequechos da Carballeira, os nenos e nenas de 4º de Infantil, consistiu nun contacontos, a cargo de María Campos do grupo Migallas Teatro, sobre a revolución dos pintores do Renacemento (Botticelli, Miguel Anxo, Rafael e Leonardo Da Vinci).
Velaquí tedes un fragmento do contacontos de María Campos do Grupo Migallas Teatro:
Unha vez rematados os obradoiros, percorremos cos monitores e monitoras os diferentes espazos do Salón do Libro. A que non sabedes que atopamos nunha das salas...??? Pois, a nosa maqueta "Revolución" e o traballo de investigación realizado nas aulas sobre a revolución.
Recomendámosvos que, se tedes tempo, vaides visitar a XX Edición do Salón do Libro de Pontevedra en familia. De seguro, será tan divertido como ir co cole!!!
Consulta AQUÍ o programa da XX Edición do Salón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario