Reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia, é o obxectivo do "Día das escritoras". Este ano 2020, a celebración conmemórase o 19 de outubro baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres".
Desde a Biblioteca do Checho queremos contribuir a que se visibilice a obra de diversas escritoras galegas. Así, queremos compartir convosco as actividades realizadas no cole polo alumnado: lendo fragmentos, narrando con ilustracións propias, memorizando rimas, creando portadas, debuxos, investigando e explorando biografías...
Por unha banda, os nenos e nenas de 4º de Infantil realizamos o noso traballo sobre a escritora galega Gloria Sánchez.
Namentres, os rapaces e rapazas de 5º de Educación Infantil traballamos o poemario "Os señores meses" escrito e ilustrado por Ánxeles Ferrer, libro onde cada un dos meses do ano é o protagonista. Nós lemos con pictogramas e memorizamos os poemas de setembro e outubro, recitamos os diferentes versos do cada poema, ilustramos o libro..., e velaquí tedes o resultado:
Por outra banda, as alumnas e alumnos de 6º de Educación infantil quixemos celebrar o Día das Escritoras gozando do libro de poesías “Rimas con letra”, da escritora Gloria Sánchez. Fixemos unha morea de actividades: escoitamos algunhas poesías, gravamos un video recitando a poesía dedicada á letra “Q”, deseñamos cadansúa portada sobre o libro, dramatizamos as máis divertidas, etc.
Aquí vos deixamos algunhas delas. Esperamos que vos gusten tanto coma a nós...
En 1º de Primaria, traballamos a escritora galega Yolanda Castaño. Comentarvos que Yolanda Castaño naceu en Santiago de Compostela en 1977. É unha das poetisas galegas contemporáneas máis coñecidas. Ademais, exerce como crítica literaria e colabora en diversas publicacións tanto nacionais como galegas. Directora do espacio Mercuria dedicado ás vanguardias galegas, recibiu o premio ao Mellor Comunicador de TV en 2005. Foi fundadora da editorial de poesía Letras de Cal, e secretaria xeneral da Asociación de Escritores en lingua galega.
Entre a súa obra, encontramos o poema “Que tarde tanto" e nós representámolo neste video:
Da man María Magdalena Domínguez, en 2º de Primaria recitamos o poema "O canciño". Tamén, realizamos tarefas de investigación sobre esta escritora galega e elaboramos o seguinte vídeo sobre a autora. Rematamos a actividade ideando debuxos sobre o poema:
Os nenos e nenas de 3º de Primaria, seleccionamos da escritora galega Marta Dacosta un fragmento da obra "Na casa da avoa"; mediante a lectura colaborativa do mesmo, gravamos este audio:
En 4º de Primaria, traballamos un texto de Rosa Aneiros, "Ámote Leo. Estación de tránsito". Fixemos un pequeno debate sobre a importancia de ter os mesmos dereitos homes e mulleres e detivémonos a pensar en como evolucionamos nese sentido. Logo, realizamos un debuxo explicativo do texto que amosase aos personaxes e a situación que estaban a vivir. Mirade o noso traballo:
En 5º de Primaria, a escritora galega traballada foi María Canosa. Da súa obra "Acuario" eliximos un poema co que gravamos audios, elaboramos ilustracións e recitámovolo a través deste vídeo:
Finalizamos coa aportación das compañeiras de 6º de Primaria. Para traballar o Dia das Escritoras, elexíiron o libro "Versos e Bolboretas" de Mónica Inés Varela Gestoso, que a través desta novela intenta aproximar a poesía ao público xuvenil, expresando sentimentos e emocións de forma sinxela.
Gloria Sánchez, Ánxeles Ferrer, Yolanda Castaño, María Magdalena Domínguez, Marta
Dacosta, Rosa Aneiros, María Canosa e Mónica Ines Varela Gestoso, son algunhas das moitas escritoras galegas exemplo do "esforzo cotián das mulleres".
Ningún comentario:
Publicar un comentario