09/11/21

SETEMBRO E OUTUBRO EN EDUCACIÓN INFANTIL

Durante estes case dous meses que levamos de clase, os nenos e nenas do ciclo de Educación Infantil realizamos moitas actividades no cole e gustaríanos deixarvos por aquí unha pequena mostra dalgunhas delas. 

AULA DE 6º EDUCACIÓN INFANTIL

Todos os luns os nenos/as da clase de 6º de Educación Infantil facemos a ficha da Fin de Semana. Elaboramos un debuxo do que fixemos nese tempo de lecer e despois facemos unha posta en común. 
 
Durante o mes de setembro estudamos as características das pedras volcánicas e, a raíz das noticias do volcán de La Palma, nas Illas Canarias, aproveitamos para coñecelas.



No mes de outubro traballamos a vendima, que nos tivo abraiados! Vimos un vídeo dun compañeiro da clase vendimando, fixemos fichas sobre ela e tamén manualidades. Pareceunos moi interesante!
     

E co gallo do Samaín estivemos a decorar cabazas e a investigar sobre o medo. Debuxamos aquilo que nos asustaba e descubrimos a obra " El grito" do pintor Edward Munch. Hipotetizamos sobre o que lle pasaría ao protagonista do cadro, as súas cores e creamos os nosos propios. Mirade que bonitos nos quedaron!  

E tamén contamos moitos contos relacionados co Samaín!!


AULA DE 5º EDUCACIÓN INFANTIL

Estas primeiras semanas de curso as nenas e nenos da aula de 5º de Educación Infantil estivemos aprendendo moitísimas cousas! 

Durante os primeros días fixemos moitos xogos e descubrimos os recunchos da nosa nova aula. 

Un día apareceu Candi pola clase e preguntounos se podía quedar con nós este curso. Por suposto, dixémoslle que si! E podedes ver a ilusión que nos fixo!

Tamén comezamos a realizar algunhas rutinas diarias como pasar lista, escribir o nome do encargado ou encargada do día, contar cantas letras ten... Identificamos e decoramos os nosos nomes, xogamos coa recta numérica e debuxámonos, recoñecendo algunhas partes do noso corpo. 


Ademais, estivemos a investigar sobre o outono. Coa axuda das familias, descubrimos algúns elementos propios da estación. Fixemos xogos de lóxica matemática, compuxemos palabras con letras móbiles, empregamos plantillas de trazos con froitos, decoramos mandalas...


AULA DE 4º DE EDUCACIÓN INFANTIL

Os nenos e nenas de 3 anos comezamos en setembro a nova etapa escolar. Coñecemos á nosa mascota Curtis, coa que imos compartir moitos momentos durante este curso. 

E tamén fumos coñecendo os espazos do cole, aos mestres e mestras, aos compañeiros/as,... Todo era novo para nós!! Pero, pouquiño a pouco, fúmonos afacendo ás nosas novas rutinas e á que será a nosa aula durante este curso!

Así comezamos o curso coñecendo os froitos e follas do outono e preparamos o noso RECUNCHO DO OUTONO, grazas a todo o que nos trouxeron as nosas familias! Pintamos coas mans coas cores do outono, fixemos tamén as letras pintando cos dedos e experimentamos coas cores do outono pintando con témperas sólidas. 

E tamén facemos moitas actividades para practicar a motricidade fina: ensartamos contas de cores para facer colares, pegamos pegatinas, xogamos con pinchos, clasificamos macarróns por cores...

E gústanos moito ler contos na nosa biblioteca de aula!

E como a mellor maneira de aprender é xogando, aproveitamos todo o tempo que podemos para desfrutar dos recunchos da nosa aula e do patio do cole! E para xogar moito coa plastilina!

Pronto vos seguiremos contando máis cousiñas interesantes que facemos no noso cole! 

Un saúdo familias!

Ningún comentario:

Publicar un comentario